A Real Filharmonía de Galicia ofrece este sábado un concerto no Festival Internacional de Música de Espinho (Portugal)

A violinista rusa Alena Baeva será a solista dun programa dirixido pola principal directora convidada da orquestra, Joana Carneiro

Interpretaranse obras de Sergei Prokofiev e Beethoven

A Real Filharmonía de Galicia desprazarase este fin de semana a Espinho (Portugal) para participar no Festival Internacional de Música de Espinho (FIME) o vindeiro sábado 25 ás 21.30h (hora portuguesa). A principal directora convidada da orquestra, Joana Carneiro, levará a batuta neste concerto no que a violinista rusa Alena Baeva será a solista.

Neste concerto, que leva por nome ‘Real Virtuosismo’, a orquestra santiaguesa interpretará dúas obras esenciais do repertorio musical. Por un lado, o Concerto para violín núm. 2 escrito por Sergei Prokofiev, unha obra na que a expresividade clásica e o virtuosismo romántico son reconstruídos a través do prisma e do modernismo. Polo outro, a Sinfonía núm. 7 de Beethoven, patrimonio sonoro para varias xeracións de oíntes, completará o programa.

Joana Carneiro, principal directora convidada da Real Filharmonía de Galicia, será a directora neste concerto. É tamén a directora artística do Estágio Gulbenkian para Orquestra desde 2013. Tamén foi directora principal da Orquestra Sinfonica Portuguesa do Teatro Sao Carlos de Lisboa desde 2014 ata xaneiro deste ano.

Estará acompañada de Alena Baeva, a quen describen que ten unha “presenza magnética” e “cun fascinante son”. É considerada coma unha das máis versátiles, emocionantes e cautivadoras solistas actuais. A súa impresionante carreira internacional creceu moitísimo nas recentes temporadas, interpretando con orquestras de toda Europa así como fará o seu debut nos EUA co Filharmónica de Nova York en novembro de 2023.

Festival Internacional de Música de Espinho
A 48º edición do Festival Internacional de Música de Espinho que se celebra do 17 de xuño ao 30 de xullo é un dos primeiros festivais de música clásica en Portugal, realizándose desde o ano 1964. Está considerado un dos festivais de referencia do xénero en Portugal e conta cunha programación consolidada, diversificada, imaxinativa e transversal. Entre os concertos que ofrecerán este ano destaca, entre outros, o de Estrella Morente coa Orquestra Clássica de Espinho.