A frautista Silvia Careddu e o pianista Juan Carlos Fernández-Nieto serán solistas esta semana coa Real Filharmonía

O programa, dirixido por Paul Daniel, estará formado polo Concierto de la Malvarrosa de Antón García-Abril así como a Sinfonía núm. 1 op. 68 en Do menor de Johannes Brahms

A Real Filharmonía de Galicia recibe esta semana á frautista Silvia Careddu e o pianista Juan Carlos Fernández-Nieto como solistas nun concerto dirixido polo director artístico da orquestra ata 2022, Paul Daniel e que leva por título ‘Homenaxe’.

Estes dous recitais ofreceranse o xoves 20 no Auditorio de Galicia de Santiago e o venres 21 no Auditorio de Ferrol. Ambos serán ás 20:30h.

O programa estará formado polo Concierto de la Malvarrosa de Antón García-Abril que interpretará a orquestra con Silvia Careddu e Juan Carlos Fernández-Nieto e tamén a Sinfonía núm. 1 op. 68 en Do menor de Johannes Brahms.

Esta semana terá como aliciente unha nova visita do que foi director principal e artístico da Real Filharmonía de Galicia entre 2013 e 2022, Paul Daniel, quen regresa agora como director convidado.

Tamén suporá a primeira aparición como solistas coa orquestra galega de dous músicos que colleitan cada vez máis sona.

A frautista italiana Silvia Careddu é desde 2021 frauta principal da Orquestra Nacional de Francia, en París ademais de ser solista coa Filharmónica Arturo Toscanini, a Konzerthausorchester de Berlín, a Wiener Symphoniker e a Wiener Philharmoniker – Wiener Stattsoper. Ademais foi frautista convidada con orquestras e festivais de toda Europa e de América do Norte.

Pola súa banda, o pianista hispano-estadounidense Juan Carlos Fernández-Nieto tamén visitará por primeira vez a Filharmonía. Intérprete habitual en España, Estados Unidos de América e as principais cidades do mundo, fixo o seu debut coa Orquesta Ciudad de Granada cando só tiña 16 anos, sendo o pianista máis novo en debutar con ela. Actualmente, Fernández-Nieto ocupa o cargo de Director Artístico da Asociación Museve, e é profesor do Real Conservatorio Superior de Música de Madrid.

Entradas á venda
Para ambos eventos aínda quedan entradas á venda. Poden mercarse a un prezo de 18€ para o recital de Santiago a través dos despachos de billetes habituais e a web de Compostela Cultura e para o de Ferrol a un prezo de 15€ a través da plataforma Ataquilla.