A Real Filharmonía de Galicia celebra este xoves 12 e venres 13 de maio no Auditorio de Galicia de Santiago de Compostela e no Teatro Afundación de Vigo, respectivamente, o penúltimo concerto da temporada ‘Viaxes’ que leva por título ‘Amazonia’.
Neste concerto producirase o debut coa Filharmonía da directora brasileira Simone Menezes, que levará a batuta dun programa centrado na música latinoamericana, no Amazonas e no Brasil e interpretará o preludio das Bachianas Brasileiras nº4 e unha selección persoal da Suite de Floresta do Amazonas de Héitor Villa-Lobos e Aguas do Amazonas de Philip Glass. Xunto a ela estará tamén a soprano Camila Titinger.
Simone Menezes
A directora de orquestra brasileira Simone Menezes é unha música visionaria, coñecida pola súa creatividade e espírito innovador, que combina brillantemente o repertorio clásico e o contemporáneo. Xa sexa como fundadora e directora artística do Ensemble K, como cobizada directora convidada en moitas das orquestras máis respectadas do mundo ou nos seus impresionantes proxectos creativos de colaboración entre a música e outras artes, Menezes consolidouse como unha artista de rápido ascenso dunha nova xeración.
Rapidamente recoñecida polo seu talento, Simone Menezes foi convidada a dirixir orquestras como a Rotterdam Philharmonic Orchestra, a Orchestre National d’I?le-de-France, Orquestra Sinfónica Brasileira, Osaka Philharmonic Orchestra, Orchestre National de Lille, Orchestre National des Pays de Loire, e a Orchestre National d’Auvergne. Menezes colabora regularmente coa Philharmonie de París, tanto no marco de proxectos de educación musical supervisados por DEMOS, como en concertos sinfónicos. En 2021, dirixiu un concerto baseado na temática da selva amazónica, en colaboración cunha exposición do gran fotógrafo Sebastião Salgado.
Simone Menezes estudou dirección de orquestra no Brasil e despois na Ecole Normale de Musique de París, onde se graduou tras un só ano de estudos. Foi asesorada habitualmente por Colin Metters en Londres e desenvolveu o seu repertorio durante as residencias co Remix Ensemble (Portugal) e o Ensemble Multilaterale (París). Entre os seus mentores atópanse Paavo Järvi, Neeme Järvi, Leonid Grin, Marin Alsop, Claudio Cruz Thomas Ades e Lera Auerbach. En 2019, Simone Menezes gañou o segundo premio en Mawoma (Maestra Music and Women’s Competition) en Viena. En 2020, lanzou a súa nova orquestra, Ensemble K, un grupo flexible especializado no gran repertorio de cámara do século XX.
Camila Titinger
Xunto á directora Simone Menezes, para interpretar a Suite de Floresta do Amazonas, estará a soprano italo-brasileira Camila Titinger, quen foi membro do Centre Perfeccionament Plácido Domingo en Les Arts de Valencia, ademais de actuar co tenor en concertos en Liubliana, Estrasburgo ou Boston. Titinger acumula diversas aparicións con orquestras sinfónicas de toda Europa e América.
Entradas á venda
As entradas para o recital deste xoves no Auditorio de Galicia atópanse á venda na web compostelacultura.gal a un prezo de 18€ mentres que para o concerto do venres están á venda na web ataquilla.com desde 6,30€.
Ademais, na previa do concerto do xoves no Auditorio de Galicia, Simone Menezes atenderá o público interesado no “Conversando con…”.