A directora Sian Edwards e a arpista Alba Barreiro interpretan coa Real Filharmonía un concerto que homenaxea a Gales

Será a primeira vez que a inglesa dirixa á RFG

A Real Filharmonía de Galicia ofrece esta semana en Santiago e Ferrol un dobre concerto da súa temporada de abono ‘Escoitar o Mundo’ que leva por título ‘Desde Gales’. Nesta ocasión será dirixido pola inglesa Sian Edwards quen se estrea coa orquestra galega levando a batuta dun concerto para arpa que interpretará Alba Barreiro.

O programa do concerto ofrecerá catro obras que xuntarán Galicia e Gales, coa Introdución e Allegro, op. 47 de Edward Elgar, as Danzas Galegas do galés Alun Hoddinott, o Concerto céltico para arpa e cordas de Catrin Finch e a Sinfonía núm. 1 en mi menor op. 32 “Gaélica” de Amy Beach.

O concerto ofrecerase o xoves, 16 de febreiro ás 20.30h no Auditorio de Galicia de Santiago, e tamén para o público ferrolán no Auditorio da cidade departamental o venres 17 á mesma hora.

Dúas mulleres protagonistas
Ao igual que a pasada semana coa directora Joana Carneiro e a soprano María Hinojosa, nesta ocasión a Real Filharmonía de Galicia volverá contar con dúas mulleres como protagonistas no seu novo concerto.

A inglesa Sian Edwards dirixirá por primeira vez a Real Filharmonía. Xefa de dirección na Royal Academy of Music de Londres, traballou con moitas das principais orquestra do mundo, como a Filharmónica de Los Ángeles, a de Cleveland, a Sinfónica de Berlín, a Sinfónica da Radio de Frankfurt ou a Sinfónica de Viena, entre outras.

Neste concerto actuará como solista a arpista viguesa Alba Barreiro, quen colabora habitualmente coa Real Filharmonía de Galicia, a Orquestra Sinfónica de Galicia, a Orquestra Vigo 430 e o Taller Atlántico Contemporáneo. Tamén, grazas ao seu perfil polivalente, compartiu escenario con artistas e agrupacións de diversos estilos como Carlos Núñez, Abraham Cupeiro, Xabier Díaz ou Anxo Lorenzo, entre outros.

Entradas á venda
Para o concerto do xoves en Santiago é posible mercar entradas a través da web de Compostela Cultura, ademais dos despachos de billetes habituais, a un prezo de 18 euros. Para o venres en Ferrol as entradas véndense a través de Ataquilla a un prezo de 15 euros.