A directora Nodoka Okisawa debuta coa RFG

A Real  Filharmonía de Galicia celebra o seu concerto semanal o xoves 22 de abril, ás 20:30 horas no Auditorio de Galicia (en lugar de ás 20:00 horas, como viñan realizándose nos últimos meses, debido á ampliación do toque de queda). A batuta levaraa a directora  Nodoka  Okisawa, no que será o seu debut coa orquestra. As entradas xa están dispoñibles na web www.compostelacultura.gal. Como todos os concertos da presente temporada, poderá seguirse tamén en directo por streaming a través da canle de Youtube e do Facebook da  RFG.

Baixo o título  Tempestade e calma, e en liña co lema desta tempada –Emocións  naturais-, o programa reúne obras que amosan o poder da natureza: “Temporale” de La  Cenerentola de Rossini, a Sinfonía nº 39 “Tempesta di  Mare” e a Sinfonía nº 59  “Sinfonía do Lume” de Haydn, xunto a As Hébridas e Mar en calma e viaxe próspera de  Mendelssohn.

A directora Nodoka Okisawa

Nodoka Okisawa gañou en 2019 o recoñecido Concurso Internacional de Mozos Directores de Orquestra de  Besançon, onde foi galardoada co “Gran Premio”, así como co premio da orquestra e do público. Xa en 2018 gañara o Concurso Internacional de Música de Tokio para Directores. A principios desta temporada recibiu unha bolsa da Academia Karajan da Filharmónica de Berlín, o que lle permite ser asistente de Kirill  Petrenko en concertos e óperas durante dous anos, así como dirixir os seus propios proxectos.

Entre os momentos máis destacados da temporada actual e da vindeira inclúense os seus debuts coa Orquestra Sinfónica NHK de Tokio, Sinfónica de Osaka, New Japan  Philharmonic Orchestra, Deutsche Radio  Philharmonie e a Orquesta de Extremadura. Compromisos recentes levárona a agrupacións como a Orquestra Filharmónica de Tokio e a Orquestra de Brandemburgo.