A directora Corinna Niemeyer debuta coa Real Filharmonía de Galicia nun programa que nos levará a París

Interpretaranse obras de Mozart, Maurice, Ibert e Haydn.

O saxofonista galego Xabier Casal interpretará “Tableaux de Provence para saxo alto e orquestra” de Paule Maurice.

A Real Filharmonía de Galicia celebrará esta semana dous novos concertos da súa temporada ‘Viaxes’ onde nesta ocasión nos levará a París co debut da directora Corinna Niemeyer e o saxofonista Xabier Casal. Os concertos serán o xoves 7 de abril ás 20.30h no Auditorio de Galicia de Santiago de Compostela e o venres 8 de abril á mesma hora no Auditorio de Ferrol.

Baixo o título ‘París’, a directora Corinna Niemeyer dirixirá a Real Filharmonía de Galicia nun programa que xira en torno á capital francesa. Ademais, o saxofonista galego Xabier Casal interpretará “Tableaux de Provence para saxo alto e orquestra” de Paule Maurice. Durante o concerto interpretaranse tamén pezas de Wolfgang Amadeus Mozart, Jacques Ibert e Franz Joseph Haydn.

Directora da Orquestra de Cámara de Luxemburgo
Corinna Niemeyer é Directora Artística e Musical da Orquestra de Cámara de Luxemburgo. Este nomeamento produciuse tras un período de dous anos como directora asistente da Orquestra Filharmónica de Rotterdam nas temporadas 18/19 e 19/20.

O entusiasmo de Corinna por transmitir a música de forma innovadora, combinado cun fondo enfoque de todo o repertorio que dirixe, reflíctese na amplitude das súas actividades, que inclúen conxuntos de música de época, estreas contemporáneas, proxectos interdisciplinarios, ópera, así como proxectos sinfónicos convencionais. Gañou unha reputación pola súa capacidade de conectar co público de todas as idades e polo seu enfoque creativo á hora de presentar concertos.

Xabier Casal
Nado en Santiago de Compostela, Xabier Casal (1988) conta cunha consolidada traxectoria como solista e músico de cámara. Resultou gañador de máis dunha decena de concursos internacionais e é convidado a festivais en España, Francia, Italia, Suíza, Austria, Alemaña, Reino Unido, Países Baixos, México e China.

Xabier actúa como solista con orquestras como a Real Filharmonía de Galicia, a Orquestra Sinfónica de RTVE, a Orquestra Sinfónica de Castela e León e a Nova Orquestra e Coro da Comunidad de Madrid, dirixido polos mestres Diego Masson, Alejandro Posada, Santiago Serrate e Sebastián Mariné. Ademais, recibiu o primeiro premio no VIII Certame Nacional de Interpretación “Intercentros Melómano”, o III Concurso Internacional de Saxofón “Ramón Guzmán” e un terceiro premio no “Haverhill Sinfonia Soloist Competition”.

Entradas á venda
As entradas para asistir ao concerto de Santiago de Compostela atópanse á venda na web compostelacultura.gal a un prezo de 15€ e a través da plataforma Ataquilla para o concerto do venres en Ferrol.