A compositora Raquel García-Tomás, Premio Nacional de Música en 2020, nas Xornadas de Música Contemporánea

A Real Filharmonía de Galicia protagoniza un dos concertos das Xornadas de Música Contemporánea, organizadas polo Concello de Santiago, o Consorcio de Santiago, a Universidade de Santiago, o Centro Galego de Arte Contemporánea, a Deputación da Coruña e a Xunta de Galicia. Esta edición, que se celebra baixo o título “Invisibles e sonoras”, está dedicado ás mulleres compositoras.

A cita será o 17 de xuño no Auditorio de Galicia, ás 20:30 horas, baixo a batuta do mestre Diego García Rodríguez, colaborador habitual da RFG. A entrada é gratuíta até completar o aforamento, pero requírese a retirada de invitación, principalmente a través de www.compostelacultura.gal. Tamén se poden adquirir no despacho de billetes da Zona C – Punto de Información Cultural (aberto de martes a sábado, de 11:00 a 14:00 e de 16:00 a 19:00 horas) ou no Auditorio de Galicia (o mesmo día desde unha hora e media antes do comezo do concerto).

Será a estrea en España de “Subito con forza” de Unsuk Chin e “Chamber dance” de Joan Tower

O programa, titulado “Contradicións”, ofrece obras de catro compositoras de moi distintas xeracións e culturas, que afrontan a música desde diferentes perspectivas persoais. Así, o concerto comezará coa estrea en España de Subito con forza, da compositora surcoreana Unsuk Chin (1961), da que soará o seu último traballo orquestral, unha homenaxe a Beethoven no seu aniversario en 2020, que esconde tanto citas do compositor como reflexións sobre a súa xordeira.

Contradizione (1966), da compositora polaca Gra?yna Bacewicz (1909-1969), é unha unión de todo tipo de contradicións musicais que dan como resultado unha nova experiencia artística. A continuación a orquestra interpretará Sonic Canvas (2020), da compositora Raquel García-Tomás (Barcelona, 1984), Premio Nacional de Música en 2020 na modalidade de Composición, quen explica que a peza xorde do desexo de “pintar con sons un lenzo imaxinario”. O concerto concluirá coa estrea en España de Chamber dance da estadounidense Joan Tower (1938), que escribiu en 2006 por encargo da Orpheus Chamber Orchestra.

Antes do concerto, ás 19:30 horas, haberá un “Conversando con” o director Diego García Rodríguez e a compositora Raquel García-Tomás, na Sala Mozart do Auditorio de Galicia.