Homenaxe ao Padre Calo

A Real Filharmonía de Galicia ofreceu tres concertos homenaxe ao Padre Calo, que falecía o pasado mes de maio, en coprodución con Amigos da Ópera de Santiago, nas cidades de Santiago, Ferrol e Ourense; baixo a batuta do Mestre Maximino Zumalave.

 

Estes concertos son un recoñecemento ao magnífico musicólogo galego José López Calo (Porto do Son, A Coruña 1922 – Salamanca 2020), pola súa extraordinaria carreira dedicada ao estudo da música española. Entre o enorme legado do sacerdote xesuíta destacan importantes estudos sobre a música das catedrais españolas e a música barroca e renacentista en xeral, así como sobre a música do Camiño de Santiago.

Foi asesor musical de Radio Vaticano, secretario xeral da Sociedade Internacional de Música Sacra, profesor asistente da Cátedra de Musicoloxía do Instituto Pontificio e profesor da Universidade de Santiago. A súa obra componse de máis de sesenta libros e de preto de mil artigos, que abranguen facetas moi variadas da música. En 1998 recibiu a Medalla de Ouro ao mérito nas Belas Artes e en 2002 o Premio das Artes e das Letras de Galicia, entre outras moitas distincións.